Que celebramos?

Ignatius 500 conmemora unha transformación persoal que cambia a historia da Igrexa para sempre. É un acontecemento que, como é habitual na manifestación de Deus na vida, quere dar importancia á experiencia interior e ó encontro sinxelo e sincero. Paga a pena rememorar os fitos principais dun relato que segue hoxe a inspirar persoas de contextos e culturas diversas en todo o mundo.

Ignatius500

Ferida

Son anos convulsos. En 1521 o exército francés invade Navarra coa pretensión de repoñer no trono o rei navarro, e o cabaleiro Íñigo de Loiola corre á defensa de Pamplona. A antiga capital do reino era unha cidade en mans francesas, mais Íñigo entra na cidadela coa intención de defendela ata a morte se fose necesario.

O luns de Pentecoste, 20 de maio, unha bala esnaquízalle a perna dereita, feríndolle tamén a esquerda. Trasladado á casa-torre familiar, é intervido cirurxicamente varias veces; a punto está de morrer, pero conseguen salvarlle a vida.

Ignatius500

Encontro

A súa longa convalecencia dedícaa á lectura de libros que atopa na biblioteca da casa: unha historia de Cristo e un volume de vidas de santos. Pasa días enteiros dedicado á lectura e vai medrando nel unha idea: «Se eses homes estaban feitos do mesmo barro ca min, ben podo eu facer o que eles fixeron». Unha noite aparéceselle a Nai de Deus, rodeada de luz e levando nos brazos o seu Fillo. Desde entón xa só pensa en transformar a súa vida: quere abandonar a casa-pazo e ir a Xerusalén como peregrino. Non sabe que Deus non fixo máis ca comezar a traballar nel.

Ignatius500

Mestre

O seu propósito é chegar a Terra Santa embarcando en Barcelona. Pero a cidade está pechada por medo á peste e non querendo ser recoñecido por ningún nobre da súa vida anterior decide esperar na vila de Manresa. Alí, parando nun convento e nun hospicio para pobres, e retirándose a unha cova para orar, Deus opera nel unha nova transformación. Durante once meses (de abril de 1522 ata febreiro de 1523) altérnanse entusiasmo, angustia, penitencia, desesperación, visións espirituais e misticismo. Ás consolacións dos primeiros tempos sucede un período de aridez espiritual; de baleiro e tempestade. Finalmente, sae daquela noite escura e empeza a anotar algunhas experiencias que lle servirán para o libro dos «Exercicios Espirituais». Íñigo é xa un mestre do espírito.

Ignatius500

Camiño

Un día de febreiro de 1522 despídese da súa familia e ponse en camiño. Pasa por Aránzazu, Navarrete... ata chegar ó Mosteiro de Montserrat e Manresa. É o itinerario que hoxe rememoramos no coñecido como «Camiño Ignaciano». No mosteiro de Montserrat fai confesión dos seus pecados e na noite previa ao 25 de marzo, festa da Anunciación, desposúese dos seus ricos vestidos e determínase a levar vida de peregrino, empezando, vestido cun saco, en Manresa.